Ribadeo 1936 - 2007 09-05-2008 GTM 1 @ 16:37
cavecanem — Tags: Ribadeo 1936 republicanos turismo promocion praia catedralesOutro vídeo interesante.
Cando suba a marea afogarán.
Nova curtametraxe escrita e dirixida por Jairo Iglesias e producida por MrMisto Films. Con Jose Barato e Xoaquín Domínguez.
Candidato ós Mestre Mateo 07
O MAR, DE MERCEDES PEÓN, EN CALIFORNIA! 13-04-2008 GTM 1 @ 01:13
cavecanem — Tags: mercedes peón mar california folkDe novo, furando na rede por outras cousas, apareceu isto:
Chama a atención os comentarios que se poden ver na páxina:
Fixádevos nos comentarios que escribiron no Youtube. Chega a California! Obtido de: http://www.youtube.com/watch?v=RLkYVvoHnNo
CURSO TURISMO DE NATUREZA EN FOZ 13-04-2008 GTM 1 @ 00:49
cavecanem — Tags: curso extensión univesitaria turismo natureza fozPara aqueles que aínda están a decidir si acudir ou non ao Curso de Extensión Universitaria de Turismo de Natureza, pasei o programa e axunto un link ao Google Map no que se apreza perfectamente a imaxe da mariña lucense.
Venres, 18 de abril:
09:00 hs. Recepcións e entrega de documentación.
10:30 hs. Inauguración do curso. Acto presidido polo Vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez e polo Alcalde do Concello de Foz.
11:00 hs. Conferencia inaugural. “Os roteiros da natureza como produto turístico”. Relator: D. Rubén Camilo Lois, Dir. Xeral de Turismo
12:30 hs. Pausa-café
13:00 hs. Visita á exposición “Terras do Miño, Deputación Provincial de Lugo”.
14:30 hs. Comida
16:00 hs. Mesa redonda: “Turismo de natureza, os productos autóctonos na nosa gastronomía”. Participantes: D. Suso Blanco, (Os Bolouros); D. Juan Luis González Riveiro (Profesor do departamento de hostalería do IES Foz) e D. Jesús Vázquez (Responsable do restaurante La Cazuela)Moderador: J.A. Fraiz Brea (Universidade de Vigo)
Sábado, 19 de abril:09:00 hs. Conferencia: “Compatibilidade entre turismo de natureza e turismo de Sol e Praia”.Relator: Dna. Noelia Araújo (Universidade de Vigo)
11:00 hs. Conferencia: “Conservación da natureza”.Relator: D. Xosé Benito Reza. Dir. Xeral de Conservación da Natureza.
13:00 hs. Conferencia: “Deportes de aventura e de contacto de natureza”Relator: D. Thomas Schmidt, Xerente de Ondabrava Turismo Activod e do Albergue De Pesoz.
14:30 hs. Comida
16:00 Visita didáctica no entorno do Río Ouro.Dna. Ana López Campoamor. Guía Turística.
Domingo, 20 de abril:
09:00 Visita á Casa Rural “Lugar do Sixto” (Cordido)
11:00 Conferencia: “Situación actual do turismo de natureza: presente, pasado e futuro”.Relator: D. Xaime Cancio. Concelleiro de Turismo de Foz.
12:30 hs. Pausa-café
13:00 Conclusións do curso. D. Xaime Cancio e D. José A. Fraiz Brea.
14:00 Clausura e entrega de diplomas.
Ver mapa más grande
href="http://maps.google.es/maps?f=q&hl=es&geocode=&q=Foz&ie=UTF8&ll=43.573489,-7.252436&spn=0.025872,0.052013&t=h&z=14&source=embed">Ver mapa más grande
MAPA EMOCIONAL TURÍSTICO: PROXECTO DE AROUSA NORTE, 11 de abril de 2008 12-04-2008 GTM 1 @ 00:44
cavecanem — Tags: biomapping mapa emocional turístico arousa_norteDas oliñas-veñen-e-van ás novas tecnoloxías aplicadas. Hoxe estivemos na Mancomunidade de Concellos de Arousa-Norte. Grazas, coma sempre, pola vosa benvida. Faremos unha descrición, como de costume, do que fixemos hoxe alí. Mais non puiden evitar comezar a buscar en internet algunhas cousas sobre un proxecto que, desde o punto de vista das novas tecnoloxías e as súas aplicacións sobre a ordenación do territorio e/ou o turismo en particular, resulta do máis interesante.
Pero máis que contalo, colgamos aquí os enlaces pertinentes, primeiro ao proxecto en sí: http://www.metarousanorte.com. Coido que o máis interesante e entrar directamente á direción do proxecto en sí: http://www.metarousanorte.com/gl/oproxecto.asp
Para aforrar algo de traballo, tamén se inclúe un enlace para o traballo orixinal no que se inspira o MET de Arousa Norte, o “biomapping” de Christian Nold. http://www.biomapping.net/ Se topades algunhoutra información que vos pareza interesante, remitídea, por favor.
MONTE DA CUROTIÑA 12-04-2008 GTM 1 @ 00:39
cavecanem — Tags: Arousa_Norte CurotaXa postos, foi irresistíbel engadir algunhoutra aportación artística sobre a comarca nesa ferramenta que é o youtube. E rematei por topar a Xoan Arxo da Vella, velaquí a súa páxina:
http://www.youtube.com/user/XOANARCODAVELLA e velaquí unha presentación sobre o monte da Curota.
TAHUME 12-04-2008 GTM 1 @ 00:34
cavecanem — Tags: Tahume folk danza música ArousaAmais de buscar na rede outras cousas, sobre o grupo Tahume, xa que estivemos hoxe falando deles en Boiro, pódense topar tanto folklores como activismo. Primeiro un vídeo e despois un artigo sobre a implicación de Tahume co seu lugar:
O artigo é do xornal La Voz de Galicia:
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2007/07/29/0003_6019674.htm#
O colectivo Tahume forma parte da agrupación comarcal de municipios dende hai un mes
La Voz de Galicia – Barbanza | 27/7/2007 |
grupo de baile de música tradicional Tahume incorporouse como membro de pleno dereito á mancomunidade de municipios Arousa Norte dende hai un mes, asevera Susana Pérez Sanmiguel, compoñente da agrupación cultural, que dende o pasado venres dedica os seus esforzos a ensinar e a divulgar a cultura a centos de turistas que deciden pasar as súas vacacións nos cámpings da comarca.«En total somos quince as persoas que nos ocupamos de fomentar o baile galego», asevera Susana Pérez. O traballo da agrupación é dobre. Por unha parte, Tahume ten que impartir clases de luns a venres nos centros de acampada concertados e, o venres pola noite, amenizar a festa gastronómica coas súas actuacións.Para Susana Pérez estas ideas son moi importantes, tanto para o grupo de baile como para fomentar a cultura entre a xente de fóra. «Para nós son clave este tipo de actividades, xa que supón un espaldarazo definitivo para Barbanza».Promoción
Pérez cree que o máis complicado e «fomentar estas activades culturais, como a Ruta do Mexillón, pero que coa publicidade axeitada, e a base de promocionarse, acaba entrando na retina do visitante. Tamén se xera un valor engadido que dá un toque diferente a esta comarca con respecto ao resto de Galicia», afirma esta integrante.
NINGUÉN SABERÁ, NUNCA MÁIS 12-04-2008 GTM 1 @ 00:00
cavecanem — Tags: música delisse nadie sabrá chileDelisse
Nadie Sabrá
Buscando outras cousas, apareceu isto. Ten forza, non si?
Día 2 de febreiro de 2008. Días despois. E chegou o público. 18-02-2008 GTM 1 @ 23:51
cavecanem — Tags: Fitur profesionais visitantes POP+turismo OurenseO programa de hoxe concentrábase nun só tema: visitar o que se podía de FITUR. Craso erro, este non é un bo día para moverse por Fitur porque está cheo de público. Consello para vindeiros anos: é mellor concentrar o traballo relacionado co POP nos días previos. Para visitar, para coñecer os sitios, para dialogar cos expositores, para intercambiar información, absolutamente todas as actividades que poidades facer os primeiros días, facédeo.
O éxito de Fitur é tal que case non se da camiñado. A xente que acude como visitante faino preparada para recoller a información, coas súas maletas con rodas, bolsos, mochilas, e con toda a intención de recoller toda a información que poidan para analizala posteriormente. Por iso, cando asistimos como profesionais non debemos esquecer que se trata dunha oportunidade non só especial por ter tal carácter, senón pola funcionalidade e as vantaxes que trae consigo.
Neste senso, hai un comentario no blog sobre o esforzo que fan algúns para estar presentes en Fitur. Gustaríanos que ese comentario se ampliara e sen dúbida podía desembocar nun tema que podiamos ter nós mesmos en conta para estudialo no futuro desde un punto de vista máis científico. Unha mágoa que non haxa unha continuación dese comentario. Ao mellor Camilo leva toda a razón e podiamos falar extensamente sobre o que se pode ou non se pode facer para promover Ourense. Esta é unha invitación para que se amplíe ese comentario e que nos dea pé a poder tratar o tema máis detidamente.
En canto a Fitur, nós optamos por separarnos, porque era totalmente impensábel camiñar en grupo. Ademais, era necesario repoñer forzas, compoñer a mente e liberar as luces da nocturna movida madrileña, que aínda alumeaban os contos retomados da noite anterior. Vamos, que algunh@ tiña que ir almorzar antes de botar a camiñar. E foi así como acometemos unha revisión do turismo dentro do estado español nunha xornada intensiva en Fitur.
E a mediodía recibimento no stand de Ourense, co Inorde como anfitrión, selectos pratos locais para promover a nosa provincia e facer proselitismo entre os productores dunha determinada canle de televisión. Nós fomos testemuñas de pedra, pero é interesante ver como se escollen as mesturas de marketing desde o punto de vista institucional.
E ás 15:30 horas despedida e peche para nós. Fitur continuaba unha data máis. Algúns aínda quedaron. Outros adiantaron a saída cara a terras do Sur. E dentro de dúas semanas, reencontro no POP de Ourense.
O máis espectacular do día: a chegada á casa coa cantidade de bolsas que trouxemos.
Bonito: unha vez máis América Latina, cun esforzo claro de transmitir danza, música, cultura en xeral.
Sorpresa: mención especial para Venezuela, porque sabían chamar moi ben á xente. Fixeron un concerto no que máis que ver, a xente participaba. E cando estaba todo o mundo ao redor, rematou o concerto e conseguiron que unha importante cantidade de xente pasara polo seu stand.
Servicio express: Gonzalo, exquisito no conducir, levounos de Madrid á casa como se nos teletransportaran. Sentímonos como se botara a camiñar en Madrid e non tivera parado ata Ourense.
A frase do día: (herdada das candeas nocturnas) “No sabes lo que bien que lo voy a pasaaaaaar”. “Aquí aún quedan bolsas.... arranca, Dani, arranca”.
1 de Febreiro. 23:01 hs. O Workshop e o Westin Palace. 01-02-2008 GTM 1 @ 23:07
cavecanem —
Moito se camiña en FITUR. Decididamente é importante levar contigo unha maletiña de rodas. Para aqueles que veñan o ano que ven, que o teñan en conta. Habémolo dicir de novo.

Hoxe tiñamos o Workshop de Fitur, impulsado pola empresa Turijobs. En principio o comentario que temos é un sentir común e xeral: como vas facer unha entrevista de traballo se non podes incorporarte ata o vindeiro ano? Ben, aquí hai diverxencia de opinións, pero o que está claro é que para o segundo curso o workshop é imprescindíbel. Aqueles que pensen que non sirve de moito, que nos pida opinión. Sirve, malia que tan só sexa para aprender como enfrontar unha entrevista de traballo.
Páxinas hai abondo nas que se describe pequenos trucos. Ou máis que nada consellos para asistir con certa tranquilidade. Pero facer unha ducia de entrevistas en tres horas é un adestramento moi interesante.
Neste senso, para navegantes de futuros anos, que saibades que isto é como en botica, cada un colle o que quere.
O proceso é o seguinte. A principios de xaneiro a páxina de Turijobs e a de Fitur anuncian a apertura de inscricións para o workshop. Aí estarán presentes os executivos de recursos humanos de máis de vinte empresas turísticas, malia que a meirande parte son hoteleiros. Pois ben, Turijobs fai unha recollida de candidatos e concértalle unha cita. En principio cobres un formulario na súa páxina web. E elixes 8 opcións de entrevistas entre as 25 solicitadas. Pois ben. Uns días máis tarde sóache o móbil. Tentas contestar, pero nunca o consegues. Esa mesma tarde chégache un mail dicindo que tras ter tentado comunicarse contigo e ante a imposibilidade de conseguilo, solicítanche que te poñas en contacto con eles o antes posíbel. E danche un teléfono 902. Alto, non marquedes aínda. Entrada na páxina de Turijobs. Buscade o ítem do Workshop. Tomade o voso tempo. Remataredes por encontrar un contacto para Skype. Os que non saibades o que o Skype, ídevos poñendo ao día. Chamade desde o voso ordenado ao ordenador de Elisabeth, quen vos fai a chamada que nunca chegades a tempo de contestar e envía os mails que vos informa da contrariedade de non vos poder contactar. E chamádea por Skype! Aforrades cartos e queda co voso nome fixo. A algún de nós recoñeceunos despois de 4 semanas só polo nome co detalle de que chamamos por Skype. E aforrades os cartos do 902, que xa está ben que deamos a gañar cartos nos 902.
Pois ben, neste contacto telefónica confirman os datos e acordades unha hora de chegada. Digamos que fixades as citas para as doce do mediodía, por exemplo. Algúns de nós desmoralizouse ao descubrir que ás dez da mañá a cola chegaba ata a entrada de Fitur. Ben, foi coma a espuma, unha vez que comezou o programa a xente vai mudando de parecer e remata por se marchar. Polo tanto, os que se queiran anotar que non pidan a primeira hora. E nada máis, a agardar que chegue o día.
O día D preséntaste no pavillón do Workshop. Na porta, Elisabeth, este ano, recíbevos. Pregunta se tedes concertada entrevista. Informádeslle de que si. Truco, aproveitade o tempo, presentádevos media hora antes e facede todas as entrevistas que poidades. En todo caso, como en botica, hai de todo.
Ben, Elisabeth, daravos un papel no que están todas as empresas que están presentes e remarcadas as que vós elixistes. Invítanvos a pasar e diversos asistentes levaranvos ás mesas nas que os entrevistadores das empresas agardan por vós. Hai moito movemento, así que non vos preocupedes demasiado. Isto é unha toma de contacto. Pero insistimos, páxinas hai con trucos e profesores nas facultades e ponentes nos másters que vos dean mellores consellos.
E a facer entrevistas!
En canto a Fitur, un día máis, cheo. E iso que nós participamos, grazas á coordinación do Máster coas institucións, de entradas profesionais. Insistimos, levade unha maletiña con rodas.
Pola tarde estivemos no Palace. Comecemos polo máis importante: grazas Mercedes e grazas Peggy-Joan pola atenta explicación que nos brindastes e por se unhas cicerones tan detallistas.
O Palace é, sinxelamente, un exquisito bo gusto constante. O luxo non é só superior, é fino, é cordial, é sincero, é garboso. Pero elegantemente equilibrado. A atmosfera invita a relaxarte a abrir a túa mente. É coma un escenario de película. É unha experiencia que cala, que te deixa sen palabras. Como moito, exclamacións polo baixo. E é real, é concreto. É fascinante. Atrápante.

Na foto unha habitación que venden desde 750 €. Insistimos o luxo é real, con detalles moi modernos, sen que esteamos a dicir que o estilo de deseño sexa modernista, vangardista ou minimalista. Non, pero nótanse pequenos detalles que indican claramente a vocación de innovación. Isto sen dúbida é a influencia da marca Westin, estilo americano. 467 habitacións a 84% de ocupación media no ano 2007, 350 empregados fixos, complementados segundo a etapa do ano con contratos temporais ate chegar aos 460 empregados nalgunhas datas. Botade vos mesmos as contas.


E despois da visita, un té no Salón da Cúpula, que como o seu nome indica esconde unha xoia de cristaleira. Hai que vela. E neste ambiente excelso, Fraiz portouse e invitounos non só á bebida, senón tamén a unhas gorentosa pastas e pasteliños. Tertulia. Relax. Grazas Fraiz polo detalle.
E regreso ao hotel, porque a visita polos barrios, finalmente, suspendeuse. Pero non lle dedicamos máis liñas, porque o Palace compensou outros inconvenientes.
Esta noite temos intención de visitar Madrid. Pero iso, iso é outro conto e queda no que neste blog non contamos. Inscribídevos no POP de Turismo de Ourense e ao mellor un día intercambiamos experiencias.
Mañá temos unha visita especial a Fitur, porque xantaremos no stand cunha representación institucional ourensá. E pola tarde, rumbo á cidade das Burgas.
A sorpresa: o Palace.
Vimos a: Miguel de la Qualdra-Salcedo, Álvaro de Marichalar, Irene Villa. Non todos en Fitur, por certo.
A nota: as entrevistas de traballo hai que preparalas.
A reivindicación: o workshop para o segundo curso.
A frase do día: “Sin tetas no hay corazón”. “Estoy espesa, son muchas entrevistas que hacemos”.
Día 31 de xaneiro de 2008. 23:50 hs. Non pisamos o IFEMA. 01-02-2008 GTM 1 @ 08:39
cavecanem — Tags: Vicente Calderón Atleti turismo deportivo museo prado parque Retiro Ritz Fuencarral prezoSeguimos en Madrid. Esta xornada foi para as visitas previstas en Madrid. Pola mañá visitamos o Vicente Calderón. Agardabamos unha charla sobre turismo deportivo. Rematamos por obter unha ampla charla sobre o Atleti de Madrid, moi centrada nos intereses de Marketing que ten o club do Manzanares. En fin, visita ao estadio, con entrada desde o túnel de vestiarios. Impresiona saír ao campo e tocar cos pes o céspede mol baixo os pes. Total, un minuto, porque inmediatamente fomos desprazados para evitar o risco de que portasemos algún tipo de fungo nos zapatos. Posteriormente, puidemos ver un vídeo sobre a historia do club e visitar o museo do Atleti, moi ligado no seu inicio, por certo, á universidade. Precisamente en torno a este feito estase desenvolvendo unha das campañas de expansión da institución “colchoneira”, cun traballo de inversión nun instituto de investigación universitario. En canto o museo, ben, non é demasiado grande, pero non está mal. Podes ver algunha curiosidade interesante, por exemplo que a primeira camisola do Atleti non era a listas brancas e rubias, senón metade azul e metade branca. Tamén tiramos unhas fotos xunto aos trofeos. En fin, máis unha visita de afeccionados ou curiosos que unha visita profesional. Non estivo mal. E, por suposto, como noutros casos, o museo desemboca na tenda de deportes e lembranzas do Atleti. Entendemos por que o fan, pero resulta demasiado evidente. En fin, supoñemos que é a mellor publicidade, ter que pasar por medio da tenda para saír.

Aos que coñecemos outros estadios pareceunos que está ben organizado, que o museo contén bastantes cousas interesantes e que non é demasiado grande. O Santiago Bernabeu, por exemplo, tiña un museo non demasiado interesantes, a excepción da sala de trofeos, obviamente, e tamén remataba na tenda. O Camp Nou, en cambio, ten un museo impresionante, extenso, ben organizado, unha sala de trofeos tamén impresionante, e a diferencia dos antes nomeados, non desembocaba na tenda –en catalá “botiga”-. Deste xeito poderíamos dicir que destes tres, o máis orientado cara a visita do público é o Barça, o que ten a sala de trofeos máis impresionante é o Madrid –moitas Copas de Europa e ligas xuntas- e o Atleti nunha boa liña. De tódolos xeitos, cómpre visitar e ver outros para seguir comparando.
Pola tarde tocaba Hotel Ritz. Como abondaba o tempo baixamos no Prado e desde alí camiñamos ata o Parque de Retiro, onde aínda paseamos máis. Resulta un luxo que nunha cidade coma Madrid, enorme, bulla en si, redundante movemento en acción, en constantes obras, con ritmo de millóns de habitantes, resulta un luxo, diciamos, que teñan un parque coma o do Retiro. De feito o que podes topar é moita xente tirada na herba a descansar, durmindo unha sesta nos bancos ou paseando nas barcas do lago.
Por certo mozos do mundo mundial, cando queirades ligar cunha excursión de doce mozas e un alto calvo vestido de negro con pinta de cura, tedes que ser algo máis orixinais. E elixir ben o momento e o lugar, porque facelo desde unha barca para pedir lume, en fin, resultou cómico, que é un bo comezo, pero ridículo. Vamos, que se pode mellorar. E coidade que se vos entenda.

Ben, feita este apuntamento, podemos seguir coa visita ao Ritz. Un hotel case centenario e de cinco estrelas. É impresionante. Un luxo ao alcance de moi poucos. Descrito por eles mesmos coma “versallesco”. Ten moito de museo, conservándose detalles moi curiosos: as alfombras son verdadeiros tesouros. Sabedes que hai unha profesión que é alfombrista? Pois ben, no Ritz contan cun, que de vez en cando se axeonlla para reparar algún fío despendolado das alfombras. Máis tarde comentamos sobre as profesións máis raras do mundo. Hai unha profesión que se chama nariz. A ver se adiviñades que fai un nariz.
O Ritz, luxo case barroco, historia en si mesmo, promóvese a súa imaxe de hotel real. De feito, César Ritz avalou a construcción do hotel, coma o fixera co de París e o de Londres. Non pertence a compañía Ritz Carlton, senón a Orient Express (ten o 50% do accionariado, o outro 50% está en mans dunha sociedade de capitais). Ben, pois o que imos. As anécdotas son múltiples. Pero sobre todo quedámonos coa exclusividade case que o snobismo por non dicir outras cousas. Ata non hai moito tempo, se non se entraba con traxe non se podía ir a comer ao restaurante. De feito, ata non hai moito, dividían a súa clientela entre clientes Ritz e non Ritz. E aos non Ritz mandábanos con moita delicadeza ao Hotel Palace, xusto en fronte, cinco estrelas tamén.
Para nós resultou desbordante, esaxerado. Polo visto, maioritariamente somos máis minimalistas que “versallescos”.
Despois do Ritz, longo, moi longo paseo sen rumbo fixo. Consello para futuros navegantes POP. Se ides a algún sitio, tomade o tempo de elixir o que queredes ver. Nunha cidade tan grande corres o risco de camiñar e camiñar sen chegar a ningunha parte. Tamén é bo ter contactos que sirvan de cicerones. Finalmente, xunto á gran vía, unha cafetería en plan franquicia americana de bar de deportes, ateigada de executivos que saían do traballo e visitantes de Fitur acolleunos a tod@s e moi gustosamente levamos un golpe no peto que aínda se nos menea arestora. Podemos dicir que foi unha “clavada” a nivel máis que “versallesco”. Pagamos máis por cadansúa coca-cola e unha bollería ou pastel de mazá que na cea de onte. Por iso non queremos lembrar o nome do lugar. Desde logo non busquedes aquí os cafés do Zapatero a 0.80 €.
E finalmente visita á rúa Fuencarral e ao Mercado Fuencarral. En fin, máis paseo. E pola noite división. O Equipo A enfrontou unha visita noctámbula ao incesante Madrid de luces e movida. O Equipo B recolleuse, unha vez coordinados co noso buque insignia, un excelente Mercedes proporcionado para o desprazamento por Autos González. Grazas Gonzalo polos teus amables consellos, a túa disposición para facilitarnos os desprazamentos, a túa paciencia para os cambios de plan, e a túa seguridade e prudencia ao volante.
E velaquí estamos. Mañá, á mañá, Workshop de Turijobs en Fitur. Pensamos que esta actividade sería máis interesante en segundo, cando xa tivesemos liberdade para elixir o futuro. Facer hoxe por hoxe unha entrevista de traballo significa non poder dicir que si se che propoñen un traballo. É certo que ao workshop non vas agardando que che ofrezan un traballo, pero si que te teñan nunha base de datos e que te chamen nun par de meses. Ninguén ten intención de deixar o máster a curto prazo. Non é operativo hoxe por hoxe. Tería sido máis interesante dentro dun ano. Este é un tema que lle notificamos á coordinación do máster. Veremos se toman nota. Por nós, que nos traian de novo o ano que ben. Conste que no resto a organización está sendo moi boa.
E pola tarde temos prevista unha visita polos barrios de Madrid, malia que temos informacións que nos indican que dependemos dunha guía que ten a axenda moi axustada. Vamos, que aínda está no aire. Mañá veremos se non se cae do programa. O que está claro é que se non hai cicerone, camiñar por camiñar sen ton nin son é tontería.
O noso resumo, como segue:
O máis chamativo: o Ritz.
O que menos gustou: algún uniforme do Ritz.
Vimos a: Fernando Tejero, o porteiro de “Aquí no hai quien viva”. Paseaba o can polo Prado.
A sorpresa: os prezos de Madrid. Sabiamos que era caro, pero hai cousas que non son lóxicas.
A frase do día: “Somos damas y caballeros al servicio de damas y caballeros”.
O debate: debemos dar opinións sobre o hotel onde estamos hospedados?.
A incógnita: onde quentamos o leito polas mañás?
E iso foi todo por hoxe. Mañá, máis.

Chúzao
del.icio.us
Marked as spam
I'm so sad because I remember that California was devastated by fire two years ago. Galicia was devastated by fire as well in 2006 and 2005. It's so sad.
I hope that we could save all that beauty forever and avoid environmental disasters like those!