Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Día 30 de xaneiro de 2008. 23:55 hs. Non son horas. O POP de Turismo desembarca en Fitur. 31-01-2008 GTM 1 @ 00:46

cavecanem — Tags:

Porta Norte

@s moz@s do POP de Dirección e Planificación do Turismo (facultade de Turismo de Ourense) estamos de novo en marcha. Desta vez fomos alén das fronteiras de Galicia. A intención é escribir unhas liñas tódolos días. Outra cousa é que poidamos facelo, porque estamos en Fitur: moito paseo e poucas ganas de escribir ao chegar ao hotel.

Fitur. Saímos un pouco máis cedo do previsto inicialmente. Estaba planeado que fose á tarde. Na reunión de coordinación da pasada semana solicitamos que se adiantase o horario. Foi un acerto. Saír ás nove da mañá permitiunos facer a primeira toma de contacto coa segunda feira máis grande do turismo no mundo esta mesma tarde.

Brevemente, isto é inmenso. Polo tanto, primeiro consello, cando veñades a Fitur vide preparados. Primeiro, tede en conta que queredes ver. Se non o facedes corredes o risco de parar en tódolos recunchos e xuntar dez bolsas de papelería sen ton nin son. Por exemplo, elixides un tema: turismo rural. E despois en cada país preguntade que teñen sobre iso. Preguntar implica conversar, falar, dialogar, intercambiar... un exercicio cultural interesante. É unha idea, en todo caso.

Segundo, moi importante: maleta con rodas. Si, si. Sen dubidalo, ademais. E aproveitade para recoller de todo.

Agradecementos: Inorde, Turgalicia, Uvigo – Master Turismo Ourense. Fraiz ao rescate noso.

Bonito: os stand de América Latina. Especial mención para Costa Rica. Lástima de Panamá, moi bonito o país pero moi fría a representación. Arxentina: deseño elegante, minimalista. Cuba, o seu punto. Estados Unidos: é un estado de Nova York? En todo caso, sabe a pouco.

Sorpresa: os prezos para visitar Dubai. Hai un “desde” na publicidade que nos da mala espiña. Pero en principio, sorpresa.

Incomprensíbel: utilizar a proxección 3D no tren pechado para promover Jerusalem. De súpeto estás coma nunha montaña rusa que remata... no berce de Xesús. Uf, un pouco raro. Se fora para un parque temático, pase. Pero aínda non damos explicado o sentido desta técnica.

Topámonos con: Julián Contreras. Vale. Máis interesante: Lluís Codinas, ponente no máster de turismo dentro do eido dos recursos humanos, no primeiro cuadrimestre do primeiro curso. E despois de catro meses recoñeceunos. Ben por Lluís.

O toque da casa: Moncho Borrajo e a súa fundación de recuperación de estacións de trens. Na súa liña. Diverxencia de opinións sobre o seu humor. Pois iso, na súa liña. Habería que afondar na obra que está a facer. Non afondamos máis e admitimos opinións.

Frases do día: “- Que che doe?. – As xuntas”. “Pelos, pelos, pelos. Pelillos a la mar. Donde hay pelos, hay alegría. Peliaguda situación. Por los pelos.”

O concurso: xoga e consegue unha formidable manualidade.

O xantar: de camiño. Sen máis.

A Cena: La Amusa (posíbel erro, confimar) en Madrid. Ben, parrillada a repartir e cervo colgado. Moi gorentoso. Estivo ben de prezo.

 

 

 

POP que cea unido, permañece unido. 

Mañá visita ao Vicente Calderón. E visita polos barrios de Madrid. Por hoxe abonda. Isto é un blog de avanzada. As opinións son benvidas. As preguntas tamén.

Toma de contacto co espazo rural, debate aberto 02-12-2007 GTM 1 @ 23:49

cavecanem — Tags:

As Borreas de Caldesiños

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

@s alumn@s de 1º de POP de Dirección e Planificación do Turismo, e algunha compañeira de 2º, xunto con Valeriá e Emilio como guías docentes, comezamos o mes de decembro cunha aproximación á realidade do espazo rural coa visita de varias iniciativas de actuación nas comarcas das Frieiras, do Val de Monterrei, Viana, a Terra de Trives e a Terra de Caldelas , dentro das actividades programadas na materia de Modelos de Planeamento de Destinos Turísticos.

Durante o percorrido tomamos contacto con varias experiencias de diferente caráter pero cun denominador común: o territorio rural galego. Tivemos a oportunidade de comprobar as actuacións que se teñen levado a cabo desde a iniciativa municipal en Riós, a iniciativa asociativa privada en Vilardevós e a iniciativa supramunicipal en Castro Caldelas.

En Riós tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Interpretación da Castaña, no lugar d’A Igrexa, parroquia de Trasestrada, onde se erguía a  antiga casa reitoral. Desde alí percorremos unha pequena ruta da castaña para coñecer algún dos soutos de castiñeiros que forman parte do seu inventario de patrimonio natural posto en valor para o seu aproveitamento turístico (Grazas, Elvira, pola asesoría).

En Vilardevós estivemos visitando o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, asociación constituída fai mais dunha década. Son unha entidade con  recoñecemento legal e sen fins lucrativos e traballan “dende o coñecemento da situación da zona, incidindo en distintos campos: Educación, Servicios Sociais, Formación Ocupacional, Medio Ambiente, Promoción Socio económica, etc...” Recibíronos no Centro de Interpretación do Contrabando. (Ánimo, Toño, tedes feito un traballo impresionante).

E finalmente puidemos visitar a Fundación Comarcal de Castro Caldelas que aglutina os concellos de Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, Parada de Sil, e desde a que se pretende aglutinar a actividade de desenvolvemento rural destes concellos. A conservación do medio ambiente é un dos piares sobre os que se leva a cabo un traballo especial. (Grazas Josefina polas explicacións e os consellos).

Tres iniciativas distintas que actúan sobre un rural con elementos con atractivo turístico, como vimos no mirador do Invernadeiro, no Santuario da Nosa Señora das Ermidas en O Bolo, ou n´As Borreas en Viana do Bolo. Pero como afrontar a actuación turística sobe elementos puntuais nun entorno rural feble?

Velaí o debate.

 PS: Os links de interese foron escollidos ó chou, só como referencia da que tirar máis información se alguén a quere ampliar.