Toma de contacto co espazo rural, debate aberto

@s alumn@s de 1º de POP de Dirección e Planificación do Turismo, e algunha compañeira de 2º, xunto con Valeriá e Emilio como guías docentes, comezamos o mes de decembro cunha aproximación á realidade do espazo rural coa visita de varias iniciativas de actuación nas comarcas das Frieiras, do Val de Monterrei, Viana, a Terra de Trives e a Terra de Caldelas , dentro das actividades programadas na materia de Modelos de Planeamento de Destinos Turísticos.
Durante o percorrido tomamos contacto con varias experiencias de diferente caráter pero cun denominador común: o territorio rural galego. Tivemos a oportunidade de comprobar as actuacións que se teñen levado a cabo desde a iniciativa municipal en Riós, a iniciativa asociativa privada en Vilardevós e a iniciativa supramunicipal en Castro Caldelas.
En Riós tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Interpretación da Castaña, no lugar d’A Igrexa, parroquia de Trasestrada, onde se erguía a antiga casa reitoral. Desde alí percorremos unha pequena ruta da castaña para coñecer algún dos soutos de castiñeiros que forman parte do seu inventario de patrimonio natural posto en valor para o seu aproveitamento turístico (Grazas, Elvira, pola asesoría).
En Vilardevós estivemos visitando o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, asociación constituída fai mais dunha década. Son unha entidade con recoñecemento legal e sen fins lucrativos e traballan “dende o coñecemento da situación da zona, incidindo en distintos campos: Educación, Servicios Sociais, Formación Ocupacional, Medio Ambiente, Promoción Socio económica, etc...” Recibíronos no Centro de Interpretación do Contrabando. (Ánimo, Toño, tedes feito un traballo impresionante).
E finalmente puidemos visitar a Fundación Comarcal de Castro Caldelas que aglutina os concellos de Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, Parada de Sil, e desde a que se pretende aglutinar a actividade de desenvolvemento rural destes concellos. A conservación do medio ambiente é un dos piares sobre os que se leva a cabo un traballo especial. (Grazas Josefina polas explicacións e os consellos).
Tres iniciativas distintas que actúan sobre un rural con elementos con atractivo turístico, como vimos no mirador do Invernadeiro, no Santuario da Nosa Señora das Ermidas en O Bolo, ou n´As Borreas en Viana do Bolo. Pero como afrontar a actuación turística sobe elementos puntuais nun entorno rural feble?
Velaí o debate.
PS: Os links de interese foron escollidos ó chou, só como referencia da que tirar máis información se alguén a quere ampliar.

Chúzao
del.icio.us
Comentarios(2) »
pasamos moito frio pero a experiencia foi moi boa....
Sen dúbida aínda nos queda moita Galiza por percorrer, moitos espazos por descubrir e moito que aprender sobre a nosa propia cultura para poder levar a cabo, nun futuro, espero, próximo, un bo desenvolvemento que faga da nosa terra un lugar mellor e máis fermoso, se cabe. Nunha época na que todas as solucións apuntan ó turismo o primeiro que nos debiamos plantexar é cáles son as nosas preferencias e se dentro delas o turismo é tan relevante como para invertir os nosos cartos nel e non noutros menesteres que se cadra cumpren máis. ¿ Estalle a arranxar moito o centro de interpretación ó concello de Riós? ¿poderían ter feito algo mellor e más aproveitabel na antiga rectoral? Penso que sí. As veces as ideas quedan a medias e noutros casos non se sabe como empregar os cartos. Pero o mellor que se pode sacar de todo isto é que de todo se aprende.