Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

1 de Febreiro. 23:01 hs. O Workshop e o Westin Palace.

cavecanem @ 23:07

           Moito se camiña en FITUR. Decididamente é importante levar contigo unha maletiña de rodas.  Para aqueles que veñan o ano que ven, que o teñan en conta. Habémolo dicir de novo.

Un recuncho para o descanso e un café de calidade.

            Hoxe tiñamos o Workshop de Fitur, impulsado pola empresa Turijobs. En principio o comentario que temos é un sentir común e xeral: como vas facer unha entrevista de traballo se non podes incorporarte ata o vindeiro ano? Ben, aquí hai diverxencia de opinións, pero o que está claro é que para o segundo curso o workshop é imprescindíbel. Aqueles que pensen que non sirve de moito, que nos pida opinión. Sirve, malia que tan só sexa para aprender como enfrontar unha entrevista de traballo.

            Páxinas hai abondo nas que se describe pequenos trucos. Ou máis que nada consellos para asistir con certa tranquilidade. Pero facer unha ducia de entrevistas en tres horas é un adestramento moi interesante.

            Neste senso, para navegantes de futuros anos, que saibades que isto é como en botica, cada un colle o que quere.

            O proceso é o seguinte. A principios de xaneiro a páxina de Turijobs e a de Fitur anuncian a apertura de inscricións para o workshop. Aí estarán presentes os executivos de recursos humanos de máis de vinte empresas turísticas, malia que a meirande parte son hoteleiros. Pois ben, Turijobs fai unha recollida de candidatos e concértalle unha cita. En principio cobres un formulario na súa páxina web. E elixes 8 opcións de entrevistas entre as 25 solicitadas. Pois ben. Uns días máis tarde sóache o móbil. Tentas contestar, pero nunca o consegues. Esa mesma tarde chégache un mail dicindo que tras ter tentado comunicarse contigo e ante a imposibilidade de conseguilo, solicítanche que te poñas en contacto con eles o antes posíbel. E danche un teléfono 902. Alto, non marquedes aínda. Entrada na páxina de Turijobs. Buscade o ítem do Workshop. Tomade o voso tempo. Remataredes por encontrar un contacto para Skype. Os que non saibades o que o Skype, ídevos poñendo ao día. Chamade desde o voso ordenado ao ordenador de Elisabeth, quen vos fai a chamada que nunca chegades a tempo de contestar e envía os mails que vos informa da contrariedade de non vos poder contactar. E chamádea por Skype! Aforrades cartos e queda co voso nome fixo. A algún de nós recoñeceunos despois de 4 semanas só polo nome co detalle de que chamamos por Skype. E aforrades os cartos do 902, que xa está ben que deamos a gañar cartos nos 902.

            Pois ben, neste contacto telefónica confirman os datos e acordades unha hora de chegada. Digamos que fixades as citas para as doce do mediodía, por exemplo. Algúns de nós desmoralizouse ao descubrir que ás dez da mañá a cola chegaba ata a entrada de Fitur. Ben, foi coma a espuma, unha vez que comezou o programa a xente vai mudando de parecer e remata por se marchar. Polo tanto, os que se queiran anotar que non pidan a primeira hora. E nada máis, a agardar que chegue o día.

            O día D preséntaste no pavillón do Workshop. Na porta, Elisabeth, este ano, recíbevos. Pregunta se tedes concertada entrevista. Informádeslle de que si. Truco, aproveitade o tempo, presentádevos media hora antes e facede todas as entrevistas que poidades. En todo caso, como en botica, hai de todo.

            Ben, Elisabeth,  daravos un papel no que están todas as empresas que están presentes e remarcadas as que vós elixistes. Invítanvos a pasar e diversos asistentes levaranvos ás mesas nas que os entrevistadores das empresas agardan por vós. Hai moito movemento, así que non vos preocupedes demasiado. Isto é unha toma de contacto. Pero insistimos, páxinas hai con trucos e profesores nas facultades e ponentes nos másters que vos dean mellores consellos.

            E a facer entrevistas!

            En canto a Fitur, un día máis, cheo. E iso que nós participamos, grazas á coordinación do Máster coas institucións, de entradas profesionais. Insistimos, levade unha maletiña con rodas.

            Pola tarde estivemos no Palace. Comecemos polo máis importante: grazas Mercedes e grazas Peggy-Joan pola atenta explicación que nos brindastes e por se unhas cicerones tan detallistas.

            O Palace é, sinxelamente, un exquisito bo gusto constante. O luxo non é só superior, é fino, é cordial, é sincero, é garboso. Pero elegantemente equilibrado. A atmosfera invita a relaxarte a abrir a túa mente. É coma un escenario de película. É unha experiencia que cala, que te deixa sen palabras. Como moito, exclamacións polo baixo. E é real, é concreto. É fascinante. Atrápante.

Unha habitación Westin

            Na foto unha habitación que venden desde 750 €. Insistimos o luxo é real, con detalles moi modernos, sen que esteamos a dicir que o estilo de deseño sexa modernista, vangardista ou minimalista. Non, pero nótanse pequenos detalles que indican claramente a vocación de innovación. Isto sen dúbida é a influencia da marca Westin, estilo americano. 467 habitacións a 84% de ocupación media no ano 2007, 350 empregados fixos, complementados segundo a etapa do ano con contratos temporais ate chegar aos 460 empregados nalgunhas datas. Botade vos mesmos as contas.

Suite executiva

           

Reflexo do luxo.

            E despois da visita, un té no Salón da Cúpula, que como o seu nome indica esconde unha xoia de cristaleira. Hai que vela. E neste ambiente excelso, Fraiz portouse e invitounos non só á bebida, senón tamén a unhas gorentosa pastas e pasteliños. Tertulia. Relax. Grazas Fraiz polo detalle.

            E regreso ao hotel, porque a visita polos barrios, finalmente, suspendeuse. Pero non lle dedicamos máis liñas, porque o Palace compensou outros inconvenientes.

            Esta noite temos intención de visitar Madrid. Pero iso, iso é outro conto e queda no que neste blog non contamos. Inscribídevos no POP de Turismo de Ourense e ao mellor un día intercambiamos experiencias.

            Mañá temos unha visita especial a Fitur, porque xantaremos no stand cunha representación institucional ourensá. E pola tarde, rumbo á cidade das Burgas.

            A sorpresa: o Palace.

            Vimos a: Miguel de la Qualdra-Salcedo, Álvaro de Marichalar, Irene Villa. Non todos en Fitur, por certo.

            A nota: as entrevistas de traballo hai que preparalas.

            A reivindicación: o workshop para o segundo curso.

            A frase do día: “Sin tetas no hay corazón”. “Estoy espesa, son muchas entrevistas que hacemos”.

           

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>