Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Día 31 de xaneiro de 2008. 23:50 hs. Non pisamos o IFEMA.

cavecanem @ 08:39 Tags:

            Seguimos en Madrid. Esta xornada foi para as visitas previstas en Madrid. Pola mañá visitamos o Vicente Calderón. Agardabamos unha charla sobre turismo deportivo. Rematamos por obter unha ampla charla sobre o Atleti de Madrid, moi centrada nos intereses de Marketing que ten o club do Manzanares. En fin, visita ao estadio, con entrada desde o túnel de vestiarios. Impresiona saír ao campo e tocar cos pes o céspede mol baixo os pes. Total, un minuto, porque inmediatamente fomos desprazados para evitar o risco de que portasemos algún tipo de fungo nos zapatos. Posteriormente, puidemos ver un vídeo sobre a historia do club e visitar o museo do Atleti, moi ligado no seu inicio, por certo, á universidade. Precisamente en torno a este feito estase desenvolvendo unha das campañas de expansión da institución “colchoneira”, cun traballo de inversión nun instituto de investigación universitario. En canto o museo, ben, non é demasiado grande, pero non está mal. Podes ver algunha curiosidade interesante, por exemplo que a primeira camisola do Atleti non era a listas brancas e rubias, senón metade azul e metade branca. Tamén tiramos unhas fotos xunto aos trofeos. En fin, máis unha visita de afeccionados ou curiosos que unha visita profesional. Non estivo mal. E, por suposto, como noutros casos, o museo desemboca na tenda de deportes e lembranzas do Atleti. Entendemos por que o fan, pero resulta demasiado evidente. En fin, supoñemos que é a mellor publicidade, ter que pasar por medio da tenda para saír.

 

 

Sala de Trofeos do Atleti

 

            Aos que coñecemos outros estadios pareceunos que está ben organizado, que o museo contén bastantes cousas interesantes e que non é demasiado grande. O Santiago Bernabeu, por exemplo, tiña un museo non demasiado interesantes, a excepción da sala de trofeos, obviamente, e tamén remataba na tenda. O Camp Nou, en cambio, ten un museo impresionante, extenso, ben organizado, unha sala de trofeos tamén impresionante, e a diferencia dos antes nomeados, non desembocaba na tenda –en catalá “botiga”-. Deste xeito poderíamos dicir que destes tres, o máis orientado cara a visita do público é o Barça, o que ten a sala de trofeos máis impresionante é o Madrid –moitas Copas de Europa e ligas xuntas- e o Atleti nunha boa liña. De tódolos xeitos, cómpre visitar e ver outros para seguir comparando.

            Pola tarde tocaba Hotel Ritz. Como abondaba o tempo baixamos no Prado e desde alí camiñamos ata o Parque de Retiro, onde aínda paseamos máis.  Resulta un luxo que nunha cidade coma Madrid, enorme, bulla en si, redundante movemento en acción, en constantes obras, con ritmo de millóns de habitantes, resulta un luxo, diciamos, que teñan un parque coma o do Retiro. De feito o que podes topar é moita xente tirada na herba a descansar, durmindo unha sesta nos bancos ou paseando nas barcas do lago.

Descanso do Retiro 

            Por certo mozos do mundo mundial, cando queirades ligar cunha excursión de doce mozas e un alto calvo vestido de negro con pinta de cura, tedes que ser algo máis orixinais. E elixir ben o momento e o lugar, porque facelo desde unha barca para pedir lume, en fin, resultou cómico, que é un bo comezo, pero ridículo. Vamos, que se pode mellorar. E coidade que se vos entenda.

O que hai que ver

 

            Ben, feita este apuntamento, podemos seguir coa visita ao Ritz. Un hotel case centenario e de cinco estrelas. É impresionante. Un luxo ao alcance de moi poucos.  Descrito por eles mesmos coma “versallesco”. Ten moito de museo, conservándose detalles moi curiosos: as alfombras son verdadeiros tesouros. Sabedes que hai unha profesión que é alfombrista? Pois ben, no Ritz contan cun, que de vez en cando se axeonlla para reparar algún fío despendolado das alfombras. Máis tarde comentamos sobre as profesións máis raras do mundo. Hai unha profesión que se chama nariz. A ver se adiviñades que fai un nariz.

O Ritz, luxo case barroco, historia en si mesmo, promóvese a súa imaxe de hotel real. De feito, César Ritz avalou a construcción do hotel, coma o fixera co de París e o de Londres. Non pertence a compañía Ritz Carlton, senón a Orient Express (ten o 50% do accionariado, o outro 50% está en mans dunha sociedade de capitais). Ben, pois o que imos. As anécdotas son múltiples. Pero sobre todo quedámonos coa exclusividade case que o snobismo por non dicir outras cousas. Ata non hai moito tempo, se non se entraba con traxe non se podía ir a comer ao restaurante. De feito, ata non hai moito, dividían a súa clientela entre clientes Ritz e non Ritz. E aos non Ritz mandábanos con moita delicadeza ao Hotel Palace, xusto en fronte, cinco estrelas tamén.

Para nós resultou desbordante, esaxerado. Polo visto, maioritariamente somos máis minimalistas que “versallescos”.

Despois do Ritz, longo, moi longo paseo sen rumbo fixo. Consello para futuros navegantes POP. Se ides a algún sitio, tomade o tempo de elixir o que queredes ver. Nunha cidade tan grande corres o risco de camiñar e camiñar sen chegar a ningunha parte. Tamén é bo ter contactos que sirvan de cicerones. Finalmente, xunto á gran vía, unha cafetería en plan franquicia americana de bar de deportes, ateigada de executivos que saían do traballo e visitantes de Fitur acolleunos a tod@s e moi gustosamente levamos un golpe no peto que aínda se nos menea arestora. Podemos dicir que foi unha “clavada” a nivel máis que “versallesco”. Pagamos máis por cadansúa coca-cola e unha bollería ou pastel de mazá que na cea de onte. Por iso non queremos lembrar o nome do lugar. Desde logo non busquedes aquí os cafés do Zapatero a 0.80 €.

E finalmente visita á rúa Fuencarral e ao Mercado Fuencarral. En fin, máis paseo. E pola noite división. O Equipo A enfrontou unha visita noctámbula ao incesante Madrid de luces e movida. O Equipo B recolleuse, unha vez coordinados co noso buque insignia, un excelente Mercedes proporcionado para o desprazamento por Autos González. Grazas Gonzalo polos teus amables consellos, a túa disposición para facilitarnos os desprazamentos, a túa paciencia para os cambios de plan, e a túa seguridade e prudencia ao volante.

E velaquí estamos. Mañá, á mañá, Workshop de Turijobs en Fitur. Pensamos que esta actividade sería máis interesante en segundo, cando xa tivesemos liberdade para elixir o futuro. Facer hoxe por hoxe unha entrevista de traballo significa non poder dicir que si se che propoñen un traballo. É certo que ao workshop non vas agardando que che ofrezan un traballo, pero si que te teñan nunha base de datos e que te chamen nun par de meses. Ninguén ten intención de deixar o máster a curto prazo. Non é operativo hoxe por hoxe. Tería sido máis interesante dentro dun ano. Este é un tema que lle notificamos á coordinación do máster. Veremos se toman nota. Por nós, que nos traian de novo o ano que ben. Conste que no resto a organización está sendo moi boa.

E pola tarde temos prevista unha visita polos barrios de Madrid, malia que temos informacións que nos indican que dependemos dunha guía que ten a axenda moi axustada. Vamos, que aínda está no aire. Mañá veremos se non se cae do programa. O que está claro é que se non hai cicerone, camiñar por camiñar sen ton nin son é tontería.

O noso resumo, como segue:

O máis chamativo: o Ritz.

O que menos gustou: algún uniforme do Ritz.

Vimos a: Fernando Tejero, o porteiro de “Aquí no hai quien viva”. Paseaba o can polo Prado.

A sorpresa: os prezos de Madrid. Sabiamos que era caro, pero hai cousas que non son lóxicas.

A frase do día: “Somos damas y caballeros al servicio de damas y caballeros”.

O debate: debemos dar opinións sobre o hotel onde estamos hospedados?.

A incógnita: onde quentamos o leito polas mañás?

E iso foi todo por hoxe. Mañá, máis. 

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>