Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Día 2 de febreiro de 2008. Días despois. E chegou o público.

cavecanem @ 23:51 Tags:

            O programa de hoxe concentrábase nun só tema: visitar o que se podía de FITUR. Craso erro, este non é un bo día para moverse por Fitur porque está cheo de público. Consello para vindeiros anos: é mellor concentrar o traballo relacionado co POP nos días previos. Para visitar, para coñecer os sitios, para dialogar cos expositores, para intercambiar información, absolutamente todas as actividades que poidades facer os primeiros días, facédeo.

            O éxito de Fitur é tal que case non se da camiñado. A xente que acude como visitante faino preparada para recoller a información, coas súas maletas con rodas, bolsos, mochilas, e con toda a intención de recoller toda a información que poidan para analizala posteriormente. Por iso, cando asistimos como profesionais non debemos esquecer que se trata dunha oportunidade non só especial por ter tal carácter, senón pola funcionalidade e as vantaxes que trae consigo.

            Neste senso, hai un comentario no blog sobre o esforzo que fan algúns para estar presentes en Fitur. Gustaríanos que ese comentario se ampliara e sen dúbida podía desembocar nun tema que podiamos ter nós mesmos en conta para estudialo no futuro desde un punto de vista máis científico. Unha mágoa que non haxa unha continuación dese comentario. Ao mellor Camilo leva toda a razón e podiamos falar extensamente sobre o que se pode ou non se pode facer para promover Ourense. Esta é unha invitación para que se amplíe ese comentario e que nos dea pé a poder tratar o tema máis detidamente.

            En canto a Fitur, nós optamos por separarnos, porque era totalmente impensábel camiñar en grupo. Ademais, era necesario repoñer forzas, compoñer a mente e liberar as luces da nocturna movida madrileña, que aínda alumeaban os contos retomados da noite anterior. Vamos, que algunh@ tiña que ir almorzar antes de botar a camiñar. E foi así como acometemos unha revisión do turismo dentro do estado español nunha xornada intensiva en Fitur.

            E a mediodía recibimento no stand de Ourense, co Inorde como anfitrión, selectos pratos locais para promover a nosa provincia e facer proselitismo entre os productores dunha determinada canle de televisión. Nós fomos testemuñas de pedra, pero é interesante ver como se escollen as mesturas de marketing desde o punto de vista institucional.

            E ás 15:30 horas despedida e peche para nós. Fitur continuaba unha data máis. Algúns aínda quedaron. Outros adiantaron a saída cara a terras do Sur. E dentro de dúas semanas, reencontro no POP de Ourense.

            O máis espectacular do día: a chegada á casa coa cantidade de bolsas que trouxemos.

            Bonito: unha vez máis América Latina, cun esforzo claro de transmitir danza, música, cultura en xeral.

            Sorpresa: mención especial para Venezuela, porque sabían chamar moi ben á xente. Fixeron un concerto no que máis que ver, a xente participaba. E cando estaba todo o mundo ao redor, rematou o concerto e conseguiron que unha importante cantidade de xente pasara polo seu stand.

            Servicio express: Gonzalo, exquisito no conducir, levounos de Madrid á casa como se nos teletransportaran. Sentímonos como se botara a camiñar en Madrid e non tivera parado ata Ourense.

            A frase do día: (herdada das candeas nocturnas) “No sabes lo que bien que lo voy a pasaaaaaar”. “Aquí aún quedan bolsas.... arranca, Dani, arranca”.

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>